Benvidos, internautas, a unha cidade en plena metamorfose: Ourense. Esta marabillosa "Atenas de Galicia" naceu hai máis de 2000 anos, froito do matrimonio entre unha surxencia termal e un cruce de camiños. Aquel regato de augas quentes son hoxe as nosas Burgas, e o vello cruce viario que conectaba varios castros prerromanos, deu orixe á ponte sobre o río Miño. Ese foi o principio da vila que axiña levaría o adxectivo de "Auriensis", en relación coa actividade extractiva de ouro no río.
Ourense, cidade á que non chegou o ferrocarril ata 1881, nunca tivo unha revolución industrial propiamente dita, e baseou o seu desenrolo especializándose como cabeceira dunha ampla comarca agrícola. Xa no século XX, a absorción do concello de Canedo en 1943 propiciou unha zona de expansión natural da cidade, o populoso barrio comercial de A Ponte. Nembargantes, Ourense non tivo outro ensanche ata o plano de ordenación urbán de 1961, que non foi quen de impedir o crecemento desordeado do urbanismo nos anos 60.
Hoxendía, Ourense aborda con esperanza unha nova etapa de cambio: A chegada do AVE nun horizonte duns cinco anos dará á cidade a oportunidade de convertirse no motor económico da Galicia interior. Centos de milleiros de turistas entrarán en Galicia por AVE, e a primeira estación na que pararán será en Ourense, chamada a ser a Estación Central para toda a autonomía.
O noso reto é acadadar que a maior porcentaxe posible destes turistas quede na cidade, e para elo contamos cunha das maiores ofertas turísticas sen explotar do sur de Europa. Ourense é a capital dunha provincia que conta con tres parques naturais, catro denominacións de orixe de viño -caso único en España- e o segundo maior patrimonio monumental románico catalogado de todo o Estado.
Ademáis, compre engadir unha atractiva oferta termal na cidade, ubicada nas marxes do Miño, e con amplos proxectos na cidade, circunstancia que pechará un ciclo histórico nesta antiga capital europea: De novo un cruce de camiños, neste caso do AVE, e os beneficios derivados das augas salutíferas e a súa ampla oferta termal, farán de Ourense unha das capitais máis singulares do turismo español, a nosa particular porta de entrada a Galicia. A porta do paraíso.