Moción conxunta dos grupos municipais do PP,DO,BNG e PSGPSOE do Concello de Ourense para a aprobación das propostas presentadas pola Comisión Cidadá sobre desafiuzamentos reunida no marco do Pacto Cívico.

Data Actualización: 01/07/2013

Moción conxunta dos grupos municipais do PP,DO,BNG e PSGPSOE do Concello de Ourense para a aprobación das propostas presentadas pola Comisión Cidadá sobre desafiuzamentos reunida no marco do Pacto Cívico.

Pleno ordinario do 7 de xuño de 2013. Moción 3.15

    • O Pleno do Concello, por unanimidade, aprobou a seguinte moción:
      Os grupos municipais do Partido Popular, Partido Socialista, Bloque Nacionalista Galego e Democracia Ourensana, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presentan para a súa aprobación polo Pleno da corporación do Pleno esta moción:
      ASUMIR E APROBAR as propostas da Comisión Cidadá sobre a problemática dos desafiuzamentos reunida no marco do Pacto Cívico, presentadas pola citada Comisión para a súa consideración por este Pleno:
      1) Publicación e difusión por parte do Concello dun teléfono de atención aos
      afectados polas hipotecas, en risco ou proceso de desafiuzamento, no que tamén se indique o contacto da Oficina de Intermediación Hipotecaria.
      2) Colaboración na difusión e publicación, por parte do Concello, do contacto das distintas entidades sociais da cidade que organizan recollida de alimentos e
      bens, e de acordo coas mesmas, facilitarase un número de conta para os cidadáns que voluntariamente desexen realizar aportacións económicas destinadas a tal fin.
      Desde o Concello velarase en coordinación cos servizos sociosanitarios, por unha alimentación sa, equilibrada e variada no seo das familias afectadas polos
      desafiuzamentos.
      3) Elaboración dunha base de datos de rexistro de casos de persoas afectadas polo impago das hipotecas ou alugueres, en coordinación cos distintos organismos e colectivos implicados, respectando o principio de confidencialidade tanto nas comunicacións entre as distintas entidades coma no tratamento dos datos recollidos.
      4) Constitución dunha comisión técnica, integrada por un técnico municipal de
      servizos sociais, un psicólogo, un educador social, un traballador social, un
      avogado, un representante do Concello, un representante da Xunta de Galicia en Ourense, un representante da Asociación Stop Desafiuzamentos de Ourense e un representante dos afectados na cidade. Para a constitución da comisión contarase cos membros dos colexios profesionais que participaron na redacción deste documento e que voluntariamente queiran formar parte da mesma.
      5) A Comisión Cidadá de Desafiuzamentos pídelle ao Concello de Ourense que
      subscriba e colabore no cumprimento expreso do convenio asinado entre o
      Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), a Xunta de Galicia e a Federación
      Galega Municipios e Provincias (FEGAMP), na detección consideración e
      amparo das persoas en situación de vulnerabilidade e risco de desafiuzamento na cidade de Ourense, así como na súa posta en coñecemento das autoridades
      autonómicas e xudiciais competentes e na atención e cumprimento dos programas de realoxamento contemplados no devandito convenio.
      6) A Comisión Cidadá de Desafiuzamentos pídelle aos distintos grupos municipais que trasladen aos seus parlamentarios autonómicos e estatais, iniciativas conxuntas de apoio institucional do Concello de Ourense ás propostas lexislativas prantexadas polo Colexio Oficial de Avogados de Ourense neste documento.
      7) En caso de necesidade de mudanza por parte dos posibles afectados por
      desafiuzamentos, o Concello valorará, de acordo coa comisión técnica e os servizos sociais municipais, as posibilidades de disposición dun vehículo para tal fin, sempre que as condicións o permitan e os desprazamentos se produzan dentro da cidade.
      8) A comisión técnica informará, periodicamente, á Comisión Cidadá sobre o estado dos afectados polos desafiuzamentos e as medidas adoptadas.
      9) Con vistas á elaboración dos vindeiros orzamentos municipais e unha vez coñecido o número real de afectados na cidade por esta problemática, proponse a consignación dunha partida para a atención das persoas afectadas, con consignacións específicas destinadas ao pago de alugueres sociais, e recibos de subministración (auga, luz e gas).
      10) A Comisión solicita ao Concello que teña en conta a posibilidade de fraccionamento e/ou aprazamentos no pago dos impostos municipais (IBI) das persoas e familias afectadas polos desafiuzamentos.
      11) A Comisión solicita o apoio institucional do Concello para dirixirse á Consellería de Industria da Xunta de Galicia e ás compañías de subministración eléctrica para reclamar especial atención ás persoas afectadas, evitando os posibles cortes de subministración ou custes engadidos pola reposición do servizo.
      12) A Comisión solicita o apoio institucional do Concello para a súa mediación directa coas entidades bancarias e compañías de subministración naqueles casos nos que non fose posible o acordo ou negociación coas partes afectadas.
      13) A Comisión pide que nos sucesivos concursos públicos para a tramitación, xestión e domiciliación dos ingresos, pagos e recibos municipais se teña en conta, como posible causa excluínte, o feito de que as entidades bancarias con presenza na cidade executasen desafiuzamentos nos últimos 12 meses.
      14) O gabinete de comunicación do Concello colaborará na difusión do presente documento aos medios de comunicación, unha vez que estea asinado por todos os colectivos e persoas que colaboraron na súa discusión. No caso de producirse algunha comparecencia pública antes os medios relativa ao traballo desta comisión, invitarase a todos os membros da mesma que desexen participar no acto.
      15) Os membros desta comisión, de acordo co espírito do Pacto Cívico, consideran que, nas circunstancias actuais, o cumprimento do principio constitucional do dereito das persoas a unha vivenda digna constitúe un valor fundamental para a nosa cidade.
  • ACORDO: Aprobar a moción
  • 26-06-2013. Enviado Acordo Plenario á Concellería de Benestar Social. Recibida copia asinada 11-07-2013.
Utilidades