Novas
O servicio de limpeza e recollida de lixo adxudicado aumentará frecuencias de recollida, renovará a flota de vehículos, incorporará 2.000 novos contenedores e un servicio diario de punto limpo móbil
05/01/2010O Concello de Ourense implantará un novo modelo de limpeza na cidade, no que tódolos barrios disporán do máximo nivel de calidade. Aumentará as frecuencias de recollida de residuos, renovarase a totalidade da flota de vehículos e medios técnicos, instalaranse 2.000 novos contenedores, e un servicio diario de punto limpo móbil, e incorporaranse medidas ecolóxicas e de reducción de ruidos.
Son algunhas das melloras que suporá a nova adxudicación do servicio de limpeza urbana e recollida e transporte de residuos sólidos urbanos do Concello de Ourense. De acordo coa proposta realizada pola mesa de contratacion (integrada por Interventor, Asesor Xurídico, técnicos dos servicios de Contratación e MMAA, e representantes do Goberno municipal) do concurso convocado polo Concello, a Xunta de Goberno Local aprobou adxudicar definitivamente o contrato de xestión, mediante concesión, do servicio público de limpeza urbana e recollida e transporte de residuos sólidos urbanos do Concello de Ourense á UTE formada polas empresas "Fomento de Construcciones y Contratas, S.A.", "S.A. de Obras y Servicios, COPASA" y "S.A. de Gestión de Servicios y Conservación, GESECO", nos termos da súa oferta base, que foi a que obtivo a mellor valoración por parte da mesa de contratación, por un prezo de 9.193.250,48 euros (IVE engadido)
A Xunta Local acordou tamén notificar o presente acordo ós licitadores e publicalo no perfil do contratante do Concello, e notificar á empresa adxudicataria e requerirlle para que concorra a formalizar o contrato en documento administrativo, no prazo de dez días hábiles a contar desde o seguinte ó da notificación da adxudicación definitiva. A empresa iniciará entón o proceso de asunción do servicio, que se desenvolverá progresivamente durante os dous primeiros meses do ano 2010.
Salto de calidade na prestación do servicio, no que tódolos barrios serán zonas prioritarias
O novo contrato suporá un salto de calidade na prestación deste servicio, ó suplir a unha concesión de 15 anos de antigüidade, que se quedara obsoleta a tódolos niveis. O novo servicio reflexa un novo modelo de limpeza na cidade, no que tódolos barrios disporán do máximo nivel de atención. O modelo anterior, de círculos concéntricos fixaba varios niveis, dende o de maior calidade, correspondente únicamente ó centro da cidade (nivel 1), ata os barrios e perímetro rural, onde se ía reducindo progresivamente a calidade do servicio.
O novo modelo establece como nivel máximo (1) o centro de todos e cada un dos barrios da cidade. Este modelo de multicentralidade fixa, así, o máximo nivel de limpeza tanto á rúa do Paseo como á Avenida das Caldas, entre outras, no barrio da Ponte, Ervedelo, no Couto, ou Avenida da Universidade, en Mariñamasa, o que se traduce en máis frecuencias e mellor servicio.
Nos dous primeiros anos, será renovada a totalidade da flota do servicio municipal: camións, varredoras, equipos de limpeza hidráulica, medios manuais, hidrolimpeza de pintadas, pedra ou musgo. O novo contrato aposta pola recollida selectiva, incorporando un servicio de "punto limpo móvil", que estará tódolos días e tódalas horas ó servicio dos cidadáns para recoller os seus residuos domésticos nos propios domicilios. Facilitarase así a recollida deste residuos, que ata agora tiñan que ser depositados nun dos puntos limpos ou se recollían a domicilio únicamente un día á semana: os mércores.
Novo sistema de contenerización.
No primeiro ano da concesión, instalaranse nas rúas da cidade máis de 2.000 novos contenedores, de pedal, o que permitirá non ter que usar as mans para utilizalos. Serán antivandálicos e disporán de 600 litros de capacidade, fronte ós 250 dos actuais.
Incorpórase o "repaso".
Unha brigada de traballadores repasará as zonas con posterioridade ó paso das rutas de recollida de lixo, para deixar completamente limpas as rúas. Aumentan considerablemente as frecuencias da recollida, especiamente na periferia, onde se pasará do modelo actual, de 1-2 días á semana a un modelo de 4-5 días á semana. En canto á limpeza viaria, a maiores da mellora dos medios e vehículos, incorpórase unha medida ecolóxica, pola que a empresa concesionaria non poderá utilizar auga tratada para limpar as rúas, e incorporará novos vehículos que reducirán notablemente os ruídos para que os veciños non se vexan molestados pola execución dos traballos de limpeza.
A reforma das Burgas na súa última etapa
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a contratación dunha asistencia técnica para a redacción do proxecto de urbanización e posta en valor dos restos arqueolóxicos das hortas traseiras das Burgas. Rematadas as obras da piscina termal e contratado o adecentamento da praza de Calpurnia Abana, o trámite hoxe aprobado dá luz verde á que será a última fase do plan integral de reforma para este Ben de Interese Cultural, símbolo da cidade de Ourense. Nesta etapa actuaráse na zona da Casa dos Baños, na Burga de Arriba, onde nos pasados meses se foron desenvolvendo excavacións arqueolóxicas.
O recente trámite de expropiacións realizado en inmobéis da zona permitirá constituir nese entorno un espazo de titularidade pública de preto de 5.000 metros cadrados que conecte, a modo de boulevar, a rúa do Baño coa das Burgas e incorpore, previsiblemente unha zona verde. Este espazo acollerá un centro de interpretación arqueolóxico termal que sirva como espazo expositivo e de estudo dos achádegos alí atopados, entre eles unha piscina do século I a.C.
Homenaxe ao deporte
Finalmente, deuse o visto bó á iniciativa proposta desde o Consello Municipal de Deportes de Ourense polo que se procederá a nomear as instalación de fútbol do complexo deportivo dos Remedios "Campo de Fútbol Miguel Ángel"; un xesto en homenaxe ao ex porteiro da Real Madrid e da Selección Española de Fútbol, Miguel Ángel González Suárez, natural de Ourense.
