Novas
O Concello dota ó barrio de Vistafermosa dunha nova zona de xogos especialmente deseñada para os máis cativos, na Praza Taboada Chivite
22/10/2010Os veciños do barrio Vistafermosa dispoñen dunha nova zona de xogos para nenos, na Praza Taboada Chivite, acondicionada polo Concello con cargo ós Orzamentos Participativos. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e a concelleira de Participación Cidadá, María Devesa visitaron as obras, que consistiron na remodelación dunha pista deportiva, que se converteu en zona de xogos especialmente deseñada para os máis cativos. A mellora de espacios infantís do barrio complétase coa remodelación, actualmente en fase de execución, dunha zona de xogos na rúa Poeta Manuel Antonio, que incorporará novo pavimento en caucho e un columpio. Ambos proxectos teñen como finalidade solucionar a carencia de espacios de recreo para os máis cativos no barrio de Vistafermosa, e dar así resposta á demanda que os propios veciños trasladaron ó Concello. As obras supoñen un investimento total de 16.800 euros.
Na Praza Taboada Chivite a intervención consistiu na remodelación da pista deportiva existente para acondicionar unha zona especialmente axeitada para xogos por parte dos máis cativos, cun total de 422,56 metros cadrados de superficie.
As obras consistiron na limpeza de pavimento da pista deportiva con hidrolimpadora, a retirada da alambrada metálica existente e a instalación de novos elementos de xogo para os nenos. Concretamente, o espacio conta cunha minicancha de fútbol, de 8 x 11 metros cadrados, con céspede artificial e valado perimetral, e xogos populares, en caucho, que permitirán ós nenos desfrutar xogando ó Truco e ás Chapas. A reforma incluíu tamén a instalación dunha mesa de xogos para nenos, unha de tenis de mesa, ademáis de 4 bancos e 2 papeleiras.
A segunda intervención que está a realizar o Concello neste barrio consiste na renovación da zona de xogos infantís situada na rúa Poeta Manuel Antonio, na que se está a sustituír o chan de area por un novo pavimento de caucho, e colocación dun novo columpio.
Tamén neste barrio, o Concello instalará próximamente unha varanda entre a rúa Ferro Couselo e Poeta Alfonso Alcaraz, atendendo á solicitude realizada polos veciños, a través dos Orzamentos Participativos.
