Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Belén de Baltar

Un autobús musical itinerante no que actuarán Diego Nóvoa, Priscila e Broken Peach, a Mostra de Teatro Infantil, o Concerto de Reis e o belén de Arturo Baltar na Praza de San Cosmede e Damián son as principais propostas da programación deseñada pola Concellería de Cultura para o Nadal 2020, adaptada ás restricións derivadas da pandemia da COVID-19.

O Concello de Ourense abre ao público dende hoxe a exposición “Reencontros e banalidades”, o proxecto fotográfico da ourensá Beatriz Durán, na sala III do Museo Municipal.

Será un Nadal atípico debido á pandemia da COVID-19: logo de descartar a celebración da tradicional Cabalgata de Reis para evitar aglomeracións na rúa, o Concello de Ourense ultimou un plan para o reparto de caramelos entre os nenos e as nenas menores de 12 anos. Despois de consultalo con diferentes autoridades escolares e sanitarias, os axudantes de Papá Noel e os paxes reais desprazaranse até os colexios da cidade -e non porta a porta, como se planeou nun primeiro momento- para entregar un 'paquete real' con doces en forma de agasallo para os máis pequenos.

Quere así o Concello manteren vivos o espírito e a maxia destas datas chegando á rapazada da cidade da forma máis segura posible, e malia a situación atípica que vivimos no eido sanitario e social, paliar a perda da organización da Cabalgata.

Porén, segue adiante o plan alternativo de emprazar os Reis Magos nun punto estático da cidade para que os pequenos poidan ir visitalos, falar con eles e entregarlles as cartas de última hora no Auditorio de Ourense.

 

Os nosos fondos

O Museo Municipal presenta o catálogo da exposición colectiva 'Os nosos fondos', a colección de arte privada que custodia o Concello.

O Concello de Ourense presenta a súa oferta cultural para o último mes do ano, que se inicia cun concerto da Real Filharmonía de Galicia este mesmo xoves, 3 de decembro. O acto, dentro do ciclo lírico anual Enclave de Cámara, estará dirixido por Maximino Zumalave e o seu programa estará baseado en obras de Ludwig Van Beethoven. A oferta do Auditorio municipal para este mes de decembro inclúe danza (a cargo de Javier Martín), teatro para adultos e a clásica programación infantil dos domingos pola mañá para os máis pequenos.

As restricións sanitarias pola COVID obrigaron a adialo en primavera, pero a vixésima edición da Correlingua volve mañá, venres, cun programa orientado a transmisión en redes desde espazos seguros.

O mércores 25 de novembro arrinca unha nova edición, a quinta, do Ciclo Lírico de Ourense. Serán tres concertos temáticos, todos no Auditorio Municipal de Ourense, con comezo ás 20:30h, dentro dun programa variado, amplo e diferente. “Propostas para todos os gustos, para pechar os ollos e marabillarse ante a potencia da voz, xunto ao piano, ou outros instrumentos”, aseguran desde o departamento de Cultura.

Mércores 25, En terras alleas. O primeiro concerto terá como protagonista a música que deu a volta ao mundo. Neste ano no que se cumpre o quinto centenario da extraordinaria viaxe que demostrou que a Terra non era plana, capitaneado por Magalhães e Elcano, visitará a cidade o trío composto pola soprano Delia Agúndez, a viola de gamba de María Alejandra Saturno e Alicia Lázaro, co laúde. Gozaremos de músicas que foron desde a vella Europa á (nova) América e, enriquecidas, volveron. Porque, como todo, a música non para, está viva, muda e transfórmase con cada xeración.

Xoves 26, Os albores de lied. O segundo concerto levaranos ao centro de Europa, o berce da lírica, para escoitar os máis afamados lieds. A voz do baixo eslovaco Peter Keller, acompañado ao piano por Alejandro Picó-Leonís, porá en escena obras de compositores clásicos e imperdibles. Recordaremos o 250 aniversario do nacemento do mestre Beethoven e logo pasaremos a Schubert. Música imperdible, música inesquecible.

Venres 27, Homenaxe a NÓS. E para rematar esta edición do ciclo, deteremos a nosa viaxe na nosa terra, neste ano no que, tamén, conmemoramos o centenario da Xeración Nós. Como un acto máis en homenaxe, poderemos escoitar da voz de Nuria Lorenzo, mezzosoprano, acompañada ao piano por Alejo Amoedo, obras con textos de Pedrayo, Risco ou Cuevillas. Outros textos serán de Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger ou Curros Enríquez. A noite, e o ciclo, rematará cunha estrea, un regalo de Juan Durán, premio Raíña Sofía de composición, “Tríptico rosaliano”, sobre poemas de Rosalía de Castro.

As entradas para o ciclo xa poden adquirirse a través da plataforma aTaquilla a un prezo de oito euros.

Programa do V Ciclo Lírico [PDF]

O Concello de Ourense desenvolverá a campaña informativa “Saúde e Protección Escolar Covid-19”. É unha iniciativa da Concellería de Educación dirixida a promocionar a saúde e resolver as dúbidas do alumnado de Educación Primaria e 1 º e 2º do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) sobre a pandemia e o correcto uso das medidas de prevención e hixiene establecidas no protocolo escolar Covid 19.

O Concello de Ourense propón, para esta semana, unha axenda repleta de músicas de diferentes estilos e teatro para todas as idades.

A Concellería de Cultura organiza, para este mércores 11 de novembro, espectáculos musicais de rúa para animarlle os Magostos á cidadanía no día do San Martiño, patrón da cidade.