Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Homenaxe á Coral de Ruada

A Coral de Ruada dalle nome desde hoxe á praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires, froito da homenaxe que o Concello de Ourense rendeulle esta mañá á agrupación ourensá, co que culmina o expediente de honras aberto á agrupación ourensá no centenario do seu nacemento.

Cartel do concerto de Sés

A Mostra Internacional de Teatro Universitario, con Alberto San Juan, TeatrUbi e Teatro del Barrio, versións galegas de cancións populares do século XX a cargo de Sés, e a xira Único de Antonio Orozco forman a proposta de actividades do Auditorio de Ourense para esta semana. As entradas pódense adquirir en Ataquilla ou no despacho de billetes dúas horas antes de cada actuación.

Foto do acto de presentación do libro

O Concello de Ourense e a editorial Galaxia presentaron, esta mañá no salón de plenos municipal, o debut literario de Andrés Pombo Gaña (Ourense, 1988): 'O segredo das Burgas', un percorrido polas profundidades dun Ourense descoñecido no que atoparemos demos vingativos, un Averno espantoso, bruxería, corrupción e homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas, unha ópera prima escrita cunha grande madurez literaria.

Fotos da festa dos Maios

O xurado dos concursos de maios e coplas organizados polo Concello pola celebración da Festa dos Maios de Ourense 2019, acordou conceder os seguintes premios:

 

Maio Artístico:

Finalistas. “A Foliada no Torreiro”, “Homenaxe a Xaime Quesada” e “Pozo Artesán con péndulo”.
Gañador: “Homenaxe a Xaime Quesada” (número 5)

Maio Enxebre:
Finalistas: “Pía da Casca” e “A Galleira”.
Gañador: “A Galleira” (12)

Maio Creativo: “Doce Primaveira” (32)

Maio Infantil: Escola Waldorf Meniñeiros (27)

Concurso de Coplas.

Infantil: “O xardín da alegría e da Poesía” (26)

Persoas adultos:

Finalistas: “Homenaxe a Xaime Quesada” (5), “A Galleira” (12) e “Maio ínfimo” (13)
Gañador: “Maio ínfimo” (13)

O Xurado estivo composto por: Susana Valiño Rozas, profesora do CIFP Portovello; Avelino Rodríguez González, historiador e xestor cultural; e Xico Paradelo, gañador das Coplas 2018.

O grupo Rosaura, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense abrirá o 25 de abril a 24ª Mostra Internacional de Teatro Unviersitario de Ourense, co seu espectáculo “Indo e vindo”, ás 19.00 horas, na rúa do Paseo. Ate o día 11 de maio, Ourense acollerá unha trintena de espectáculos de formacións de Galicia, Castela León, Cataluña, Madrid, Andalucía, Navarra, Murcia, Chile, Portugal, Costa Rica, Nicaragua e México, até rematar coa actuación de Maricastaña no Principal

Consulta o Programa_24Miteu.pdf

Toda a información na web da Miteu

 

Concurso Maios 2019

O Concello de Ourense abre o prazo de inscrición no concurso que premiará as mellores coplas e maios que participen na Festa dos Maios 2019, que se celebrará o domingo, día 5 de maio. As tradicionais coplas e maios convócanse de forma aberta para todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e calquera persoa que o desexe, sempre que sexa maior de idade. Poderán inscribirse ate o martes, 30 de abril.

En canto aos maios, haberá as seguintes modalidades: o enxebre, tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros (300 euros de premio); o artístico, que recrea, cos elementos tradicionais, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte do pobo ou da cidade, personaxes, etc (500 euros); o creativo, que é a representación dos maios enxebres podendo utilizar calquera técnica ou material (200 euros); e o infantil, realizado por nenos e nenas, menores de 18 anos (200 euros).

En canto ás coplas, haberá dúas modalidades, as infantís (200 euros de premio) e as de persoas adultas (200 euros). Valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados, así coma o emprego da melodía tradicional e que as estrofas vaian enlazadas.

Consulta as bases e ficha de inscrición Bases_Maios_2019.pdf

 

De Ruada entre amigos

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá este venres, día 12 de abril, ás 20.30 horas o concerto “De Ruada entre amigos”, no que a coral ourensá celebrará o centenario do seu nacemento. As persoas interesadas en desfrutar do espectáculo poderán recoller as entradas desde mañá ate o propio venres, de 9 a 14 horas, na recepción do Auditorio. Son gratuítas, cun máximo de 2 localidades por persoa. En caso de que quedaran entradas dispoñibles, poderíanse retirar tamén o propio venres pola tarde no despacho de billetes.

O concerto, organizado polo Concello, a través da Concellería de Cultura e a Coral de Ruada, contará coa participación de agrupacións de música tradicional tan senlleiras como Rebulir, Gomez Mouro, Os Melidaos, Treixadura e Luar na Lubre, que quixeron sumarse a esta celebración, na que colaboran tamén a Deputación de Ourense, o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a Obra Social “la Caixa”, Anpian, Cabú, Bodegas Arnoya e Estrella Galicia.

Marea rock

O cartel das festas de Ourense 2019 comeza a despexar incógnitas coa confirmación das primeiras bandas: Marea e Siniestro Total, dous dos nomes máis senlleiros do panorama rock, que estarán na nosa cidade o xoves 28 e o venres 29 de xuño respectivamente.

Festival de jazz 2019

O Festival de Jazz de Primavera de Ourense chega á súa edición número 23 cunha sensacional escolma de formacións musicais, e con 11 concertos que se desenvolverán desde o día 4 de abril ate o 4 de xuño. Esta mañá tivo lugar no salón de plenos do Concello a presentación do certame, na que participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, xunto con Eduardo Rodríguez, responsable de Café Latino e Marco Vázquez, da Fundación Florencio Álvarez.

Musica no Camiño

A Concellería de Cultura presenta, para as vindeiras tres fines de semana, o ciclo Música do Camiño, “unha actividade que quere dinamizar a vida cultural e social da nosa cidade”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “que pretende unir o noso patrimonio físico e monumental coas músicas que chegan á cidade grazas á nosa incomparable posición dentro das rutas a Santiago de Compostela”, dixo.

“O Concello de Ourense ten a obriga de promover unha oferta variada no musical, e de calidade”, adiantaba Anxo F. Saborido, técnico de Cultura, na rolda de prensa. “Unha oferta que non é de masas, por iso se celebra nun lugar axeitado como é a Igrexa de Santa Eufemia”, matizaba. O primeiro concerto, este venres 29 de marzo, será 'Stabat Mater', a cargo do trío Orsini, Alicerce e Dapena, con música de Haydn ou Boccherini. O venres 5 de abril será a quenda do 'Senhora del Mundo', música relixiosa e profana do Renacemento a cargo de Camerata Piú Bassa. O último concerto será o sábado 13 de abril, 'Salve Regina', a mans de The New Barroque Times, un conxunto que explora e reinventa o universo sonoro dos séculos XVII e XVIII empregando instrumentos e prácticas da época.

O rexedor quixo agradecer o esforzo da Concellería de Cultura por manter viva “esa chama que fai de Ourense unha cidade viva e dinámica”, dixo, “unha cidade cun extraordinario patrimonio, continuamente alimentado pola influencia de visitantes a través da Vía da Prata – Camiño Mozárabe”. Cómpre salientar que Música do camiño se une a outras propostas de calidade contrastada coma o Enclave de Cámara, que por certo volve o 4 de abril co Trío Arriaga, o xa mencionado Pórtico do Paraíso ou o Ciclo Lírico.

Concertos:

Venres 29 de marzo: 'Stabat Mater'

Orsini, Alicerce e Dapena, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.

Venres 5 de abril: 'Senhora del Mundo'

Camerata Piú Bassa, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.

Sábado 13 de abril: 'Salve Regina'

The New Barroque Times, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.

Consulta o Diptico_Festival_Musica_do_Camino.pdf