Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Mapa coas localizacións dos beléns

O XXIV Concurso de Beléns Públicos do Concello de Ourense xa coñece os gañadores dos mellores nacementos expostos ao público na cidade durante as datas de Nadal en tres modalidades: entidades, familiares e escolares. O xurado valorou os materiais empregados e os efectos de luz, auga e outras creacións, tendo en conta o seu valor artístico, histórico e relixioso, e repartiu os 2.000 euros en premios da seguinte maneira:

  • Na categoría de Entidades, aberta a asociacións sen ánimo de lucro e establecementos comerciais debidamente acreditados, os premios foron: primeiro premio de 400 euros, para a Residencia Nosa Señora da Esperanza, por segundo ano consecutivo; e un segundo de 300 euros para a Residencia As Flores.
  • Na categoría Familiares, para os mellores beléns instalados en domicilios particulares: primeiro premio para a familia Corral, 300 euros, e segundo para a familia de América Vázquez, 200 euros.
  • Na categoría Escolar, para alumnos e alumnas de ensino non universitario: primeiro premio para o CPR Plurilingüe Divino Maestro, 300 euros, o segundo para o Colexio Plurilingüe Divina Pastora, 200 euros.
  • O premio especial de 300 euros á creatividade e singularidade nos materiais e no deseño xeral da montaxe do Belén, foi este ano para a Comunidade das Clarisas Reparadoras.

Os beléns deben estar á vista ou abertos ao público en escaparates, vitrinas, mostradores, recunchos, etc. En lugares como en centros de ensino, residencias ou casas particulares, a apertura ao público foi de dúas horas ao día, como mínimo, dentro do horario comercial, e sinalizados cun cartel no exterior do edificio. Os beléns pódense visitar até o día 14 de xaneiro.

DOCUMENTACIÓN

Praza Maior en Nadal

O espectáculo de benvida ao Nadal previsto para o venres, 20 de decembro, na Praza Maior aprázase ao domingo, día 29, a causa das previsións meteorolóxicas. O Concello toma esta decisión xa que a chuvia que se prevé para esa xornada desluciría o desenvolvemento desta actividade, a cargo da compañía Kull d´Sac que fusiona lume, música, pirotecnia e circo aéreo. O espectáculo terá lugar o día 29, á mesma hora, as 20.00 h, na Praza Maior

 

Carmucha Vázquez Prats

A sala municipal José Ángel Valente inaugura esta tarde (20:00 horas) a exposición Retrospectiva, de Carmucha Vázquez Prats. A artista nacida en Pontevedra en 1934, residente en Ourense, presenta nesta mostra medio cento de obras que percorren a súa obra e resumen a súa vida pictórica.

Volantina da MOTI2019

Dezaseis espectáculos forman o programa da 16ªMOTI- Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que se desenvolverá desde o día 21 até o 26 de decembro na cidade. Os nenos e as nenas da cidade terán a oportunidade de desfrutar durante as súas vacacións escolares con espectáculos de teatro de rúa, novo circo, teatro actoral, comedia-clown, teatro de sombras, xestual con máscaras, teatro musical, marionetas de fíos, e  concertos musicais, con propostas axeitadas a cada tipo de idades.

Toda a información está na páxina web da Mostra MOTI2019

 

Cartel coa programación

Velaquí a programación do Auditorio Municipal de Ourense para os meses de decembro e xaneiro, con propostas tan atractivas como os espectáculos de Sara Baras, Ballet Nacional Ruso, Contraproducións, Concerto de Reis, Noites de Retranca, Bertín Osborne ou Fariña.

As entradas pódense adquirir en Ataquilla na sala Afundación na Praza Maior ou no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.

 

 

Cartel Nadal 2019

O Concello de Ourense presenta a programación de actividades do Nadal de Ourense 2019, cunha chea de propostas para todos os públicos que se desenvolverán desde o día 16 de decembro até o 6 de xaneiro.

Consulta aquí a programación completa: Programa_de Nadal Ourense_2019 (pdf) 

Carteleira decembro

O Ballet Nacional Ruso será esta semana o protagonista da programación de actividades que desenvolve o Concello no Auditorio Municipal, cunha dobre sesión que lle permitirá ao público ourensán desfrutar das adaptacións de dúas obras clásicas con partitura de Tchaikovshy: O Quebranoces e A bela dormente, o mércores, 11, e o xoves, 12, respectivamente, ambas ás 20.30 h.

Cartel de Sombras

A xenial bailaora e coreógrafa Sara Baras é a aposta da programación cultural do Concello para esta semana. O sábado, 7 de decembro, ás 21.00 h subirá ao escenario do Auditorio para presentar Sombras, o espectáculo co que vén de triunfar en cidades como Nova York, Londres, París ou Barcelona. A artista gaditana leva máis de 30 anos sobre os escenarios, acadando éxito tras éxito a nivel internacional e reunindo millóns de espectadores. A programación cultural do Concello para esta semana complétase coa programación infantil do Auditorio, o domingo, ás 12.00 h, coa obra Duncan de Palleiro e as exposicións de Xavier Cuiñas Liña de flotación na Sala Valente, e as de Francisco Ramos Fragmentos de existencia e Fernando Prieto Inquietudes no Museo Municipal.

Xurado do Premio

A obra co lema Mar adentro e o título O anxo de Durero, do autor ferrolán Jorge Llorca é a gañadora da vixésima edición do Premio Risco dre Creación Literaria, que convocan o Concello de Ourense e a Fundación Risco. Así o acordou na xuntanza que celebrou este mediodía no Liceo o xurado deste certame, que estivo formado por Mario González, concelleiro de Cultura, Luis Martínez Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco, Andrea Fernández Blanco, tradutora, e María Fernández da Costa, profesora de lingua e literatura galegas, actuando como secretaria a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Mónica Fernández Valencia.

Foto da presentación de SóloDOS

A cidade de Ourense converterase un ano máis en referente da danza contemporánea coa 4º edición de SóloDOS en Danza. O certame desenvolverase desde mañá, xoves 21, até o sábado 23 de novembro, cunha chea de actividades que lle achegarán a danza contemporánea a todo tipo de públicos.