Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O Consello Municipal de Deportes habilitou un espazo web [https://bit.ly/3czqvbK] para solicitar cita previa para as piscinas de Oira, que abriron ao público para a temporada de verán, con aforo reducido seguindo as indicacións das autoridades sanitarias: a Xunta de Galicia decreta que só poderá ocuparse o 50% do aforo. Ademais da cita previa para o control de aforo, é preciso seguir respectando as medidas de seguridade, caso do emprego de máscaras, o uso de xel hidroalcólico ou a distancia social.

Cita previa. O mecanismo para acceder ás piscinas é sinxelo: hai que seleccionar a data ou datas e a quenda elixida (polas mañás, de 11:00 a 15:30, ou polas tardes, de 16:30 a 21:00 horas). Para finalizar a reserva, debe aceptarse a normativa de uso pola COVID-19.

Poderá facerse para un máximo de dous adultos e tres nenos (menores de 14 anos) como norma xeral. Os posibles casos excepcionais, como familias numerosas que superen este número deberán contactar co Consello Municipal de Deportes.

Non se pode reservar días seguidos; o prazo de reserva é, como moito, para os catro días seguintes á data da reserva. A aplicación prevé bloquear temporalmente ás persoas que tendo reservada unha quenda, non acudan as mesmas.

As persoas que non teñan acceso a dispositivos móbiles poden retirar un tícket nas instalacións do Pavillón dos Remedios no horario de atención ao público.

As persoas maiores de 70 anos terán acceso prioritario na quenda de mañá.

Acceso e medidas de seguridade. O recinto está marcado por unhas frechas laranxas no chan que guían o acceso dos usuarios. Dentro do recinto débese usar máscara protectora, salvo no vaso. O xel hidroalcólico debe utilizarse previamente ao acceso á instalación e aos vestiarios. Dentro, hai que manter distancia entre grupos, de 1,5 metros como mínimo.

Cada 30 minutos emítese unha mensaxe pola megafonía para lembrar todas as medidas de seguridade, así coma o emprazamento dos diferentes servizos. Así mesmo, o servizo de vixilancia -tanto socorristas coma o persoal contratado para a ocasión- explicará aos usuarios todas as dúbidas que poidan xurdir durante os primeiros días, no relativo ás medidas de seguridade coma ao funcionamento do servizo de cita previa.

Limpeza. Efectúase unha limpeza á maña, con valdeo de paredes, e outra ao mediodía, entre as 15:30 e as 16:30 horas.