Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O Taichi na rúa celebra a edición número 37 no Xardín do Posío, do 5 ao 23 de xullo, de luns a venres en horario de 08:00 a 09:00 horas, con asistencia libre e de balde, sen límite de idade ou condición física, pero preservando as medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias: manter a distancia física e usar máscara de protección.

A actividade, que conta co apoio do Concello de Ourense, aposta por dinamizar os hábitos de vida saudables, pero tamén estimular as relacións entre persoas de diferente idade, cultura ou educación. O Taichi adapta a súa intensidade a calquera condición física, pero é especialmente recomendable para as persoas novas: “Ao tratar aspectos posturais evítanse doenzas posteriores”, recomenda o mestre internacional José Gago.

Entre os beneficios desta disciplina, están os de relaxar mente e corpo eliminando tensións musculares ao tempo que fortalece, tonifica e conecta as cadeas musculares de todo o corpo. A través de diferentes técnicas de respiración e dun adestramento funcional, produce ademais unha mellora notable da postura corporal.

O Taichi está especialmente indicado para eliminar o estrés, tonificar os músculos do corpo, mellorar a capacidade funcional dos órganos, diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares, fortalecer e equilibrar as zonas lumbares e abdominais, ou aumentar a densidade ósea para previr a osteoporose.