Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu, esta mañá a entrega dos premios da sétima edición do Certame Literario Relatos de auga intelixente, destinado a escolares entre 12 e 17 anos. Esta nova edición, organizada por Viaqua -empresa concesionaria do servizo de auga en Ourense- coa colaboración da Concellería de Educación, estivo centrada no impacto que teñen os produtos non degradables no medio e nas redes de saneamento, caso das toalliñas hixiénicas, bastonciños, compresas, tampóns, máscaras, etc ao desbotalos polo retrete en lugar de no lixo. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, amosouse sorprendido da calidade dos relatos gañadores, e animou os escolares a seguir os ditados da súa creatividade.

“A finalidade principal do certame é concienciar sobre os problemas sociais, económicos e ambientais derivados dun mal uso do sistema de saneamento, concretamente do retrete, así como as medidas que se poden empregar nas cidades e núcleos de poboación de menor tamaño, e no noso día a día, para conseguir vivir nun mundo máis sostible”, dixo Ana Tejeiro, Xerente de Viaqua en Ourense.

Na categoría de relatos clásicos, o primeiro premio foi para “A culpa”, de María Victoria Outeiriño (2º ESO do Colexio Carmelitas); na categoría de relatos creativos, o relato premiado foi “Cambia tu vida, no tu planeta”, de Gabriel Gallego, (3º ESO do Colexio Franciscanas).

Pola súa banda, o Colexio Divina Pastora (Franciscanas de Ourense) fíxose co recoñecemento do xurado ao centro escolar que presentou ao concurso o maior número de relatos dos seus alumnos e alumnas, cun total de 158 relatos.

Nun ano marcado pola pandemia, a cal esixiu ao colexios adaptarse a esta nova situación, recibiuse preto de 400 relatos de centros educativos de toda Galicia. A concesionaria quere aproveitar o acto para agradecer ao profesorado a súa implicación “sen o seu apoio, manter un certame literario por sétimo ano consecutivo e con traballo de gran nivel non sería posible”, afirma Marcos Martín, Director de Viaqua.