Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

Termalismo

Imaxe de Termas

Ourense non se entende sen a auga: a dos seus ríos e regatos, a da choiva, a que xoga nas fontes e moi especialmente as súas augas termais mineromedicinais. Baixo a cidade discorre un océano formado nas profundidades da terra, en acuíferos a máis de 1 km de profundidade, e que brota á superficie cun caudal de entre 3 e 4 millóns de litros ao día, un dos máis altos de Europa.

A tradición do baño termal acompaña a cidade desde as súas orixes, e aínda segue a practicarse nas numerosas instalacións dispoñibles: termas históricas, piscinas en plena natureza, pequenos balnearios inspirados polo afastado oriente...

As nosas augas son fonte de saúde, beleza e benestar: coidan a pel, polo que están indicadas para problemas dermatolóxicos, e son ademais unha forma magnífica de descontraer os músculos, sendo moi útiles á hora de tratar reumatismos, contracturas, etc.

Termas e historia: As Burgas

O termalismo en Ourense ten máis de dous mil anos de historia e comeza nos mananciais das Burgas. Os primeiros poboadores romanos levantaron aquí edificios para o culto e goce destas augas, iniciando unha tradición que chega até os nosos días. Declaradas en 2007 Bén de Interés Cultural, visitalas é imprescindible para coñecer a historia de Ourense e entender a súa íntima relación coas augas: tocalas e sorprenderse, descubrir os seus misterios no Centro de Interpretación e gozar dun baño na súa piscina termal, practicamente da mesma forma e no mesmo lugar que a dos nosos antepasados romanos hai dous mil anos.

Pode obterse máis información na web municipal de turismo

Termas e natureza: Roteiro Termal do Miño

As ribeiras do río Miño constitúen a grande arteria verde da cidade. No seu tramo máis occidental, despois da Ponte do Milenio, atopamos numerosos mananciais de auga termal, moitos deles acondicionados para o baño. Trátase do Paseo Termal do Miño: 5 quilómetros de  ribeira e sete instalacións termais nas que descansar e relaxarnos mentres gozamos dun baño en plena natureza, sexa inverno ou verán.

O paseo comeza na marxe dereita do río, na zona termal da Chavasqueira, a máis próxima á cidade. Aquí poderemos elixir entre o ambiente de inspiración xaponesa de Termas A Chavasqueira ou un baño nas piscinas exteriores de acceso gratuíto.

O camiño continúa ata O Tinteiro, unha fonte termal nun miradoiro sobre o río, sempre moi frecuentada. Dous quilómetros máis adiante atopamos á zona termal de Muíño da Veiga coas súas catro piscinas e, ao carón, as Termas de Outariz, instalación que ofrece tratamentos de beleza, sauna e dous circuítos termais a prezos moi competitivos. Xusto antes da pasarela que cruza á marxe oposta atoparemos as zona de baño de Outariz e Burga de Canedo, o maior centro de actividade termal en Ourense e, ademais, de uso gratuíto. Na outra ribeira, en Reza, continúa a ruta polo Paseo das Ninfas, onde veremos o último espazo termal a fonte de Reza.

Paseo termal del Miño (pdf)