Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Urbanismo, Licenzas e Vivenda

Áreas

Os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas poden, desde hoxe, coñecer o seu límite xeográfico exacto. Técnicos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN, do seu nome en castelán) presentaron esta mañá, no salón de plenos, as conclusións dos traballos técnicos de recuperación e replanteo da liña do límite xurisdicional entre ambos concellos, xa que as actas que rexían na actualidade databan de 1920 e, polo tanto, eran xeometricamente menos precisas.

Os resultados dos traballos técnicos presentados polo IGN, ante representantes institucionais de Ourense -entre eles o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome- e de San Cibrao, así como técnicos de Infraestruturas e de Planeamento e Xestión Urbanística, establecerán as coordenadas fixas no sistema xeodésico de referencia oficial para España (ETRS89, UTM). Estas serán inscritas no Rexistro Central de Cartografía, o que lles dará amparo xurídico. Na última fase, ambos concellos deberán corroborar as medicións para establecelas definitivamente e darlles, mediante a acta correspondente, cobertura legal.

A medición do IGN xorde a partir das diferenzas detectadas entre os límites que recollían as actas e os rexistros do propio Catastro que se apoiaban exclusivamente nos datos presentados nos planos. É por iso que a idea do Concello de Ourense é a de repetir o mesmo proceso co resto dos concellos limítrofes: O Pereiro de Aguiar, Coles, Amoeiro, Punxín, Toén e Barbadás.