Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Durante o actual mandato do ‘microgoberno’ conformado por Democracia Orensana e sostido polo Partido Popular, asistimos a unha destrución progresiva da cultura na nosa cidade, tal e como denunciamos, desde o PSdeG-PSOE, en mocións anteriores, nas que reclamabamos o mantemento e mellora da oferta cultural da cidade.

O Festival Internacional Pórtico do Paraíso, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), o Outono Fotográfico, o Verán Cultural ou a Banda Municipal de Música, son algunhas das actividades culturais que xa formaban parte da tradición cultural desta cidade e as que o alcalde Jácome renunciou a seguir apoiando.

A todas elas, súmase agora a negativa do alcalde a renovar o convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ourense, que deste xeito deixará de formar parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Mediante este convenio, renovable cada seis meses, ofértase unha programación estable e coordinada de música e teatro a tódolos concellos galegos, a través do cal a Xunta de Galicia se comprometía a aportar en torno ao 40 por cento do custo de cada obra e o concello o 60 por cento restante.

En concreto, no caso de Ourense, as cantidades previstas no convenio eran de 52.582 euros, dos cales Agadic colaboraría cunha achega de 26.372 euros e o Concello de Ourense aportaría a cantidade restante, de 32.209 euros.

Este convenio permitiría, na práctica, a representación dun total de 21 obras teatrais no Auditorio Municipal de Ourense, entre os meses de xaneiro e xuño do presente ano, e nas que se incluían obras infantís e de adultos, cun elenco de compañías de Ourense, do resto de Galicia e doutras comunidades autónomas como Asturias, Baleares, Cataluña, Extremadura e Navarra.

Actuacións que non só non poderán celebrarse no Auditorio Municipal, senón que suporán que o Auditorio de Ourense, unhas instalacións de referencia a nivel nacional, recoñecidas pola súa calidade técnica, equipamentos e prestacións, permaneza pechado.

Estamos a falar dunha edificación que require dun presuposto estimable para o seu mantemento en condicións óptimas, garantindo así a realización de espectáculos musicais e teatrais de todo tipo, e que dispoñen dun total de 16 traballadores (entre funcionarios, persoal técnico, de mantemento e auxiliares), tres deles xa trasladados e destinados a outros servizos, alleos á cultura.

Deste xeito, Ourense deixará de ser a terceira cidade galega na súa oferta teatral en espazos municipais dentro da rede durante o presente semestre (igualando á Coruña, con 21 funcións previstas, e situándose detrás de Vigo e Lugo, con 34 e 25 funcións, respectivamente, e por diante de Santiago e Pontevedra, con 16 funcións cada unha), para pasar a ser a última, pois só contará coa programación prevista polo Teatro Principal, dependente da Deputación de Ourense, que ofertará un total de 5 obras teatrais durante este período.

E mentres o resto de cidades galegas seguen ofertando espectáculos teatrais nos seus auditorios e teatros municipais -a meirande parte deles con aforos máis limitados que no caso do Auditorio das Burgas- o alcalde Jácome prefire prescindir, tamén, desta oferta cultural, poñendo como escusa a Covid, a pesar de que, ata a data, non hai constancia de contaxios en ningún espazo cultural en Galicia, e o Auditorio de Ourense dispón dunha certificación de hixiene e control, obtida recentemente, que acredita o estrito cumprimento dos protocolos de seguridade en tódalas súas salas e instalacións.

Por todo o exposto, desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE presentamos para a súa aprobación por parte desta Corporación Municipal, as seguintes propostas de ACORDOS:

  1. 1.Renovar o convenio de colaboración entre Agadic e o Concello de Ourense, que permita a representación das actuacións previstas no Auditorio de Ourense durante o primeiro semestre do presente ano, evitando que a cidade das Burgas quede fóra da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

  1. 2.Promover e difundir, desde o Concello de Ourense, como institución pública, a cultura da cidade, dando cumprimento ao dereito á cidadanía de acceso á mesma, nas condición máis axeitadas, aproveitando as instalacións e recursos existentes e garantindo á veciñanza unha oferta diversa e plural.

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular

EMENDA DE ENGÁDEGA:

TEXTO INICIAL:

1.-Renovar o convenio de colaboración entre Agadic e o Concello de Ourense, que permita a representación das actuacións previstas no Auditorio de Ourense durante o primeiro semestre do presente ano, evitando que a cidade das Burgas quede fóra da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

2.-Promover e difundir, desde o Concello de Ourense, como institución pública, a cultura da cidade, dando cumprimento ao dereito á cidadanía de acceso á mesma, nas condicións máis axeitadas, aproveitando as instalacións e recursos existentes e garantindo á veciñanza unha oferta diversa e plural.

ADICIÓN:

3.-Apertura dos espazos públicos culturais, principalmente o Auditorio, permitiendo así seguir coa programación, respectando sempre as medidas restritivas establecidas polas autoridades sanitarias, pero tratando de buscar alternativas que permitan conxugar, previr a expansión do virus e o mantemento do tecido cultural da cidade.

4.-Crear un grupo de traballo onde estean representados os grupos municipais do Concello de Ourense e todos os sectores culturais da cidade, coa finalidade de buscar fórmulas adecuadas á actual situación sanitaria, que reactiven a actividade cultural, actualmente paralizada.

NOVA REDACCIÓN FINAL:

O Pleno do Concello, por vinte e catro votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, de dona María Teresa Rodríguez Garrido, don José Miguel Caride Domínguez e dona María del Mar Fernández Dibuja, do Grupo de Democracia Ourensana, e de don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e tres votos en contra de don Gonzalo Pérez Jácome, don Armando Ojea Bouzo e de don Telmo Manuel Ucha Álvarez, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción coa emenda do Partido Popular.

En consecuencia, a moción vén dada coa redacción da emenda do Partido Popular.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a Gabinete de Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 9/04/2021.

Documentos: