Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A través do fondo de recuperación europeo Next Generation EU a Unión Europea pretende dar un impulso modernizador e reactivar os motores da economía europea afectada pola crise derivada da pandemia causada pola COVID-19. O traballo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sendo ponte entre os diferentes líderes europeos, serviu para conquerir este acordo histórico, beneficioso para o conxunto da UE e para España en particular.

Este fondo suporá unha inxección para España de 140.000 millóns de euros, entre transferencias e préstamos, dos cales 72.000 millóns serán entregados a modo de transferencias non reembolsables. Esta dotación económica, equivalente ao 11% do PIB, servirá para financiar, a partir deste ano 2021, proxectos que activen a nosa economía no referido á transformación dixital, ecolóxica, igualdade de xénero, cohesión social, económica e territorial.

Os recursos non consumidos do plan plurianual 2014-2020 e os que virán co novo marco 2021-2027, sumados aos mencionados anteriormente, fan que o orzamento se   achegue ao 3% do PIB anual. O uso deste financiamento representa para o Estado español, a través das distintas administracións (central, autonómica e local), un dos retos máis importantes da súa historia recente, así como unha oportunidade única para o noso país.

O Goberno central xestionará unha contía significativa dos fondos Next Generation EU para o investimento en materias que lle son propias; as comunidades autónomas farán o propio a través de convenios marco ao amparo dos fondos que deberán solicitar nas convocatorias ao efecto; e os Concellos de maior entidade terán unha reserva específica de fondos de forma directa, vinculado á calidade dos proxectos e ao cumprimento de obxectivos.

Neste contexto as distintas administracións deben abandonar a visión a curto prazo para pór en marcha un gran acordo que permita activar programas impulsados cos fondos europeos. O Goberno central, algunhas comunidades autónomas e moitos Concellos están traballando dende xa fai varias semanas na definición das mellores ideas. No caso galego, a Xunta debería deixar a un lado a súa política de confrontación co Goberno do Estado e centrarse na elaboración dun plan ben estruturado sobre o uso deste diñeiro, posto que xa debería estar traballando na selección de prioridades para a nosa comunidade. É fundamental impulsar plans que favorezan o emprendemento, a modernidade e a xeración de emprego e que permitan solventar problemas como a crise demográfica e industrial ou o envellecemento poboacional, vixentes dende fai moitos anos e que se viron agravados pola pandemia.

Neste deserto de iniciativas, os socialistas galegos presentamos as bases do 'Plan Rexorde Galicia', que inclúe 20 eixos de actuación e 60 programas específicos para a reactivación económica, social e cultural do noso territorio. A nosa proposta establece a mobilización de 20.000 millóns de euros en investimento público e público-privado ata o ano 2027, podendo mobilizarse entre 3.500 e 4.000 millóns de euros cada ano entre todas as administracións dos que, en grande medida, podería beneficiarse o noso Concello.

No ámbito municipal en moitos concellos estanse a crear departamentos específicos para canalizar a xestión do inxente orzamento que está a piques de chegar dende Europa. Por iso, é preciso que o Concello de Ourense non quede atrás e logremos un gran acordo de cidade que implique ao goberno municipal, aos partidos políticos e a outras administracións, así coma aos diferentes actores económicos e sociais. É vital deseñar unha folla de ruta que permita, co maior consenso posible, concorrer ás diferentes convocatorias coas maiores probabilidades de éxito e que nos permitan avanzar cara un concello verde, dixital e cohesionado.

É fundamental empezar a traballar xa sen máis demora en materias como o emprendemento, o turismo, a mobilidade sostible, a rehabilitación de edificios, proxectos de I+D+i e todos aqueles vinculados aos conceptos de transición ecolóxica, transformación dixital, a igualdade de xénero, a cohesión social, económica e territorial.

A través dos fondos europeos o Concello de Ourense pode ter a oportunidade de impulsar programas no ámbito da xeotermia mediante proxectos e plans innovadores de eficiencia enerxética e enerxías renovables. Idea que xa no seu momento o Concello e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital subscribiran asinando un acordo de colaboración para situar a Ourense como referente mundial. Temos a través dos fondos europeos a oportunidade de impulsar a busca de fontes financeiras que ben se puideran complementar con fondos de ámbito autonómico ou estatal.

Tamén o termalismo pode ser outro fío condutor de proxectos que opten a estes recursos e que permita conseguir a cohesión territorial sobre a base do seu potencial turístico ou no campo da investigación.

En todo caso, propoñemos que Ourense conte con proxectos de calidade e concorra ás diferentes convocatorias con ideas consensuadas entre os principais actores políticos, económicos e sociais da cidade. Para todo isto propoñemos:

  1. A creación dun grupo de traballo, á maior brevidade posible, por parte do goberno municipal, con representación dos grupos políticos e dos axentes económicos e sociais que se considere oportuno co fin de establecer as bases e as prioridades do noso concello para concorrer ás diferentes convocatorias para o reparto dos fondos NEXT GENERATION EU.

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular

EMENDA DE SUSBTITUCIÓN:

 

TEXTO INICIAL:

1.- A creación dun grupo de traballo, á maior brevidade posible, por parte do goberno municipal, con representación dos grupos políticos e dos axentes económicos e sociais que se considere oportuno co fín de establecer as bases e as prioridades do noso concello para concorrer ás diferentes convocatorias para o reparto dos fondos NEXT GENERATION EU.

SUBSTITUCIÓN:

1.- Constitución dun grupo de traballo interdepartamental, á maior brevidade posible, cos diferentes xefes de servizo do Concello, directores xerais do Concello e o coordinador xeral da administración municipal, co fín de iniciar os traballos de identificación dos principais proxectos e desafíos da nosa cidade, que poidan ser financiados a través dos fondos de recuperación e resilicencia ou fondos estructurais da política de cohesión 2021-2027.

2.-Unha vez realizado este traballo, e en aras da máxima transparencia e posibles aportacións ao documento final, dar conta do referido documento aos diferentes grupos políticos e axentes económicos e sociais.

3.- Solicitamos maior transparencia por parte do goberno central na asignación e canalización destes fondos europeos as entidades locais.

NOVA REDACCION FINAL:

1.- Constitución dun grupo de traballo interdepartamental, á maior brevidade posible, cos diferentes xefes de servizo do Concello, directores xerais do Concello e o coordinador xeral da administración municipal, co fín de iniciar os traballos de identificación dos principais proxectos e desafíos da nosa cidade, que poidan ser financiados a través dos fondos de recuperación e resilicencia ou fondos estructurais da política de cohesión 2021-2027.

2.- Unha vez realizado este traballo, e en aras da máxima transparencia e posibles aportacións ao documento final, dar conta do referido documento aos diferentes grupos políticos e axentes económicos e sociais.

3.-Solicitamos maior transparencia por parte do goberno central na asignación e canalización destes fondos europeos as entidades locais.

O Sr. Ucha Álvarez auséntase temporalmente do Pleno.

SR. REY REY (PSdeG-PSOE): Ola, que tal!

Antes de nada, evidentemente agradecer ou alegrarme que Telmo xa estea con nós e que estea a pleno rendemento e dicir tamén que esta moción que traemos hoxe creo que vai ser o gran debate nacional dos próximos anos, un dos grandes debates nacionais. Tamén vai ser un dos grandes debates autonómicos e a nivel local.

A Unión Europea entendemos que fixo unha abordaxe decisiva para intentar loitar contra a pandemia que nos asolou durante estes anos e que facía máis de 100 anos que non tiñamos nada semellante. E tamén consideramos que esta é unha oportunidade que vai moito máis alá de dicir unha oportunidade histórica en termos globais, senón que é unha oportunidade non só de intentar recuperarnos da pandemia da que estivemos padecendo estes últimos meses que aínda estamos a sufrir, senón que pode ser incluso unha forma de repensar a economía e o potencial económico que temos nos diferentes concellos, nas diferentes administracións e nos diferentes territorios do Estado español e tamén do Estado europeo. E, por suposto, Ourense non é alleo a esta opción.

Para que nos fagamos unha idea, máis así o reflectiamos na moción, temos, nada máis e nada menos, que 140.000 millóns de euros destinados a España nos próximos 6 anos. 72.000 millóns de euros van ser investidos nos próximos 3 anos en transferencias non reembolsables, co cal imos ter unha amplísima capacidade investidora a nivel estatal en practicamente un período de 36 meses, que é algo… sinxelamente, se somos capaces de abordar este reto inimaxinable desde hai simplemente 1 ano cando se comezou a tratar esta cuestión.

O certo é que todo isto xa está aquí, é dicir, comezamos en breve neste ano 2021 ante estas opcións. As leis troncais que temos que desenvolver e que, dalgunha forma, van ser os esteos onde se van desenvolver estes fondos son a transformación dixital, a transición ecolóxica, igualdade de xénero, a cohesión social, territorial e económica.

A maiores destes cartos dos que estamos a falar agora, hai que ter en conta que hai que sumar os fondos non consumidos dos anos de 2014 a 2020 e os que viran dos fondos ordinarios da Unión Europea de 2021 a 2027. Se ao que dixen antes sumamos todo isto, nós cualificamos hai uns días que podía ser un auténtico Plan Marshall do século XXI e pode valer non só para recuperarnos da pandemia, senón incluso para cambiar as estruturas económicas de moitos territorios.

Evidentemente, non soamente falamos dunha importancia a nivel de cantidade, que, sen ningunha dúbida, é fundamental, senón dunha importante… se somos capaces de administrar de forma eficiente e axeitada estes recursos.

Posiblemente é unha oportunidade que non se vai reproducir en moitas décadas e, polo tanto, nós entendemos que nós, o goberno municipal que está agora mesmo gobernando en Ourense, pero todos os gobernos municipais, todas as administracións, a Xunta, o goberno central, temos que nós poñer as pilas canto antes.

Unha parte destes fondos van ser administrados directamente polo goberno central nas competencias que lle son propias e nós, como ourensáns, teremos que estar esixindo ao goberno central que o faga ben e que invista en Ourense o que se merece. A Xunta tamén terá a través dos convenios marco a súa parcela e, polo tanto, tamén nas súas competencias terá as mesmas cuestións. E teremos tamén que estar atentos para que a Xunta faga o que teña que facer con Ourense e cando teña que destinar os cartos que teña que destinar que o faga correctamente. Pero é que tamén cos concellos máis importantes, entre os que está Ourense, faranse convenios marco con cantidades bastante importantes de recursos económicos, que teremos que investir da forma máis axeitada posible. E, polo tanto, tamén teremos que estar atentos.

Os desafíos son moitísimos, moitísimos desafíos, de reto demográfico, transformación do tecido produtivo, apostar por sectores produtivos como a moda, que xa fixemos no Partido Socialista na anterior campaña electoral, que formulamos a cidade da moda, o sector agrogandeiro, que tamén, en certo modo, pode afectar algo a Ourense concello, aínda que menos, e sobre todo ,é que para min é o fío condutor de todo isto, atraer o impulso definitivo do termalismo e da xeotermia como elementos que podían transformar a economía de Ourense, se se fan correctamente os investimentos que merecemos.

Obviamente, todo isto poden ser ideas dun partido político coma o noso, pero o que pretendemos é que todos xuntos, porque isto vai no adn destes fondos, poidamos traballar nun proxecto común que poña a Ourense na vangarda de administrar estes fondos.

O que traio aquí non é algo orixinal, é dicir, é algo que xa se está facendo nos outros concellos de España, como logo, ao mellor, na réplica falo.

Simplemente mencionar que nós non imos aceptar a emenda do Partido Popular, basicamente porque non entendemos que sexan os técnicos os que teñan que facer o traballo dos políticos, é dicir, nós entendemos que os políticos son os que temos que ter un modelo de cidade e nós, o Partido Socialista, desde logo si que temos un modelo de cidade e que si sabe o que quere facer con estes fondos europeos. E, polo tanto,

ALCALDÍA: Grazas.

SR. REY REY (PSdeG-PSOE): Podemos formular isto nunha comisión de traballo, nun grupo de traballo ou como se queira chamar para intentar que Ourense non perda esta oportunidade, que para nós vai ser histórica e que debemos de estar aí.

SR. SEARA FERNÁNDEZ (BNG): Moitas grazas.

Gustaríame ser optimista, pero a verdade é que a experiencia dime que sexa cauto. Xa veremos canto se reparte, canto lles chega aos concellos e canto lle vai chegar á Xunta, porque a música soa moi ben, pero a letra xa non tanto. As recomendacións para o Estado español definen practicamente as mesmas orientacións que xa se sinalaron anteriormente noutro momento de reparto de fondos. E teñen que ver co mercado laboral e teñen que ver coa reforma do sistema público de pensións, entre outras cousas. Polo tanto, digo cautela.

A Galiza vanlle corresponder en función do peso que nós temos no conxunto da poboación do Estado, o 6% aproximadamente, arredor de 8400 millóns de euros, dos cales 4320 son en transferencias correntes e 4080 en préstamos.

Podería ser unha boa oportunidade, se se tivesen en conta ademais outros criterios que defende o Bloque Nacionalista Galego que poidan, digamos, permitir avanzar no desenvolvemento sustentable de Galiza e contribúan a corrixir os desequilibrios sociais e territoriais que hai Estado. E, por iso, nós introducimos unha serie de criterios que consideramos que se fosen de aplicación poderiamos chegar a ter o duplo desa cantidade para xestionar nós en función das nosas necesidades.

Un primeiro ten que ver coa inversa do pib per cápita, que é o indicador que se utiliza habitualmente para medir as diferenzas territoriais, para evitar a concentración dos fondos nos territorios con máis habitantes, que coinciden basicamente cos territorios máis desenvolvidos, porque, se non, se vai dar a circunstancia de que se concentren a metade dos fondos en practicamente 4 comunidades autónomas.

Outro dos criterios que hai ter en conta ou que se deberían ter en conta é a situación demográfica dos distintos territorios, porque esa situación demográfica reflicte a dinámica social e económica dun territorio.

Outro criterio para nós ten que ser o criterio da taxa de emprego pero non o que se está a utilizar porque nós estamos padecendo agora mesmo máis intensamente un fenómeno migratorio que noutros sitios do Estado e, polo tanto, este criterio debe ser completado coa utilización da taxa de actividade.

Outro dos criterios ten que ser a inversa da produtividade do traballo como un indicador do grao de fortaleza e resiliencia. O peso do territorio rural, isto xa o temos dito moitísimas veces, porque se non é así, Galiza vai quedar discriminada con respecto a outros territorios que van recibir máis fondos polo peso urbano. A dispersión poboacional, outra das cousas, que sistematicamente dicimos os nacionalistas galegos, para ter en conta o maior custo da prestación dos servizos públicos que supón a dispersión de Galiza. Non é o mesmo aquí acometer unha obra de abastecemento e saneamento nun núcleo onde hai 17 parroquias, pois en Castela onde hai unicamente 2 núcleos que concentran a totalidade da poboación. O envellecemento da poboación para ter en conta o maior esforzo orzamentario que supón a prestación de servizos como os de saúde, residencias para maiores, etc. A perda de emprego polo pechamento das centrais térmicas, como consecuencia da transición enerxética. A baixa taxa de reposición no persoal sanitario e de atención da saúde, como acontece cos enfermeiros e enfermeiras, co persoal sanitario en xeral.

Esa é a cuestión que hai que ter en conta e a responsabilidade do goberno do Estado á hora de decidir a distribución destes fondos vinculados aos obxectivos de cohesión tampouco debe ocultar a responsabilidade do goberno galego nestas cuestións, que está missing. E, por iso, nós demandaremos que a xestión se faga íntegra por parte do goberno galego dos fondos que lle corresponden a Galiza tendo en conta estes criterios que acabo de mencionar.

O Pleno do Concello, por oito votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular e de don Laureano Bermejo Ansia, do Grupo Municipal de Ciudadanos; catorce votos en contra do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, de don Gonzalo Pérez Jácome, de don Armando Ojea Bouzo, de dona María Teresa Rodríguez Garrido e dona María Fernández Dibuja, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana e de don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e tres abstencións do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e don Miguel Caride Domínguez, do Grupo de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar a emenda do Partido Popular.

 

O Pleno do Concello, por dezaoito votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, de don Laureano Bermejo Ansia, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e sete votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción do PSdeG-PSOE.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a Gabinete de Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 9/04/2015.

 

Documentos: