Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Un Plan Director é, por definición, un documento oficial no que unha organización ou administración reflicte as súas intencións a futuro. Nel, especifícanse as actuacións a levar a cabo pola administración, a súa estructura, os seus obxectivos e o procedemento para a súa execución así como prazos e contías.

Falamos dun documento baseado en estudos previos realizados por un equipo multidisciplinar que ten a vontade de coordinar de maneira coherente e baixo os mesmos criterios, as distintas fases de intervención sobre un ben ou ámbito específico. Ditas fases figuran ordeadas cronolóxicamente así como cuantificadas en termos económicos na medida en que sexa posíbel para ter deste xeito unha ferramenta útil de traballo.

A necesidade polo tanto de contar cun Plan Director de infraestruturas para o Concello de Ourense ao noso entender resulta evidente, como tamén o é, a súa finalidade. Co plan Director temos a “folla de ruta” e a visión de conxunto das actuacións que se deberán levar a cabo en cada momento e con que cantidade orzamentaria será preciso contar.

Neste senso, e habida conta da situación na que se atopan as infraestruturas básicas nalgunhas zonas e barrios do noso concello, é, non soamente preciso, senón imperativo a redacción deste tipo de documentos.

Un Plan Director, a falta dun Plan de Xestión que abrangua a totalidade do concello, permitiría ter non soamente un historial e situación das infraestruturas básicas dos distintos barrios da cidade, senón que posibilitaría proxectar e levar a bo termo as diferentes actuacións dun xeito coordinado, sen que se solapen entre as diferentes concellerías ou organismos públicos alleos aos municipais que interveñan.

De xeito prioritario, e namentres non se finalice a redacción dun novo PEPOU, deberíase proceder a redacción deste documento, ao alomenos para o ámbito da zona histórica.

Un documento que sexa útil e que facilite as obras en materia de infraestruturas básica a executar. Que sexa factible, realista e que atenda a ideosincracia da propia zona histórica da cidade, polo que é necesario que se adecúe as directrices e pautas que se establezan desde a oficina do PERI. Entendemos necesario que se recollan as actuacións que sobre todo teñen que ver con obras relativas a subministros básicos como son saneamento, telecomunicacións, electricidade, gas ou fibra. Por certo, se falamos da rede de saneamento da zona vella, falamos dunha rede que data do século XIX, sendo soamente “modernizados” algúns tramos alá polos anos corenta e cincuenta.

A miúdo, demasiado a miúdo, observamos no concello como unha mesma rúa é levantada nun pequeno periodo de tempo varias veces para acometer obras de diversa índole como pode ser o soterramento do cableado eléctrico, a instalación de liñas de fibra óptica ou a substitución da rede de saneamento. Estas actuacións tan próximas no tempo e nun mesmo lugar orixinan graves problemas de ruido para a veciñanza e problemas na mobilidade.

Outro aspecto a ter en conta ten que ver co prexuizo que xera nos comercios da contorna, ocasionando perdas económicas de consideración, por non falar das veces nas que ditas obras se prolongan no tempo máis do estrictamente necesario.

Debemos ter en conta, ademáis de todo o anterior, o feito de que co continuo levantamento orixínanse graves desperfectos no pavimento ou enlousado. Este feito é especialmente grave se miramos cara a zona histórica da cidade, onde por desgraza temos exemplos abondos de intervencións que estragaron o enlousado existente sen conservar as pedras en moitas ocasións centenarias, e atentando polo tanto contra o patrimonio, sen que iso teña consecuencias para as empresas acometedoras das obras.

Cando se estragan as lousas adoitan ser substituídas por outras, as cales en moitas ocasións, nin se corresponden coa tipoloxía das existentes na zona nin tampouco resultan ter a mesma morfoloxía. Sucede algo moi similar no resto de rúas da cidade.

Esta situación, sobre todo na zona vella na que os vehículos circulan actualmente con total liberdade e descontrol, supón un gasto bastante considerable. Así, no ano 2020, o gasto derivado das actuacións que afectaban soamente o enlousado das rúas acadaron os 30.000 euros, gasto ao que hai que engadir o de outro tipo de actuacións nas redes de infraestruturas tales como alumeado, abastecemento, etc.

De ter un Plan Director, este gasto poderíase reducir ata nun 40%, ademáis de resolver problemas de embelecemento e adecentamento do noso patrimonio como pode ser a eliminación do cableado eléctrico das fachadas dos nosos edificios.

Estos son os motivos fundamentais que sustentan esta moción. A necesidade de que desde a Concellería de Infraestruturas se elabore un Plan Director no que aparezan recollidas as actuacións necesarias en cada zona ou barrio da cidade, a sua contía, o calendario das obras así como os procedementos de execución.

É preciso determinar os procedementos de apertura das rúas, tendo en conta a zona da cidade na que nos atopemos, as características do enlousado e o procedemento máis acaído para a súa retirada sen dañalo. Igualmente e unha vez concluída a obra, no Plan Director figurará o procedemento de reinstalación do devandito enlousado a fin de garantir a súa boa instalación e que deste xeito as rúas manteñan a morfoloxía previa á realización das obras.

Faise moi necesaria a súa redacción sobre todo atendendo ao que acontece na zona histórica, tal e como expuxemos con anterioridade, e tendo en conta ademáis que a de Ourense, resulta ser unha das máis extensas de entre as principais cidades do país.

Temos que protexer o noso patrimonio e polo tanto evitar agresións continuas con obras de infraestruturas perfectamente coordinábeis entre sí para evitar as maiores molestias posíbeis e con directrices claras sobre como executalas. As empresas acometedoras teñen que saber como proceder nas rúas da cidade e o departamento de infraestruturas do concello, velar polo cumprimento do Plan e das directrices establecidas no mesmo.

Vaia como exemplo ben documentado do que dicimos o PEPCIE de Seixalbo, onde o articulado normativo establece os criterios materiais, características e fundamentos das obras de urbanización, infraestruturas e mobiliario para todas aquelas actuacións que se vaian acomenter, ben sexan de nova execución ou de mantemento dentro do seu ámbito.

O citado documento establece ademáis no seu estudo económico financeiro, o Plan de inversións para os vindeiros dez anos, determinando os custes tanto de nova execución como de mantemento das infraestruturas, ben sexa por rúa, polo tipo de infraestrutura ou por calquera outra actuación, de xeito tal que a coordinación de calquera obra é manifesta e o aforro está garantido.

Entendemos que ese é un bo punto de partida para a redacción dun documento que abranga ao resto da cidade e que teña especial sensibilidade coa zona histórica.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do pleno da corporación a adoción do seguinte

ACORDO

1. Instar ao Goberno Local á redacción dun Plan Director de Infraestruturas para o Concello de Ourense que permita establecer obras a realizar, calendarios de actuacións, orzamentos e sobre todo, procedementos de execución das mesmas, prestando especial atención a aquelas a acometer na zona histórica.

O Pleno do Concello, por vinte e catro votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, de dona María Teresa Rodríguez Garrido, don José Miguel Caride Domínguez e dona María del Mar Fernández Dibuja, do Grupo de Democracia Ourensana, e de don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e dous votos en contra de don Gonzalo Pérez Jácomee don Armando Ojea Bouzo, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a Gabinete de Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 9/04/2015.

 

Documentos: