Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

Tal e como espuxemos nunha moción no pasado pleno de xaneiro de 2020, e tal e como vimos facendo nos Plenos dos últimos meses, cómpre situar as políticas sociais e a atención ás veciñas e veciños máis vulnerábeis do noso concello no centro da política municipal de cara aos vindeiros anos, polo que a constitución da mesa para a recuperación económica e social plantexada tamén polo BNG convértese nun instrumento imprescindíbel ao respecto.

Outro dos motivos, é o feito de que tamén nun pleno anterior e como resposta a unha pregunta plantexada por este grupo, o alcalde afirmou que desbotaba traballar na elaboración do orzamento municipal para o presente ano 2021. Cuestión esta que non é menor, pois falamos do instrumento e da ferramenta chave á hora de definir as políticas, as prioridades e os obxectivos do goberno de cara ao futuro.

Se ao anterior lle engadimos unha situación de crise tanto económica como social na que o concello debera liderar a recuperación e estar ao carón dos sectores da sociedade máis afectados, a necesidade dun orzamento adaptado á nova realidade é aínda máis necesario ca nunca.

A todo o anterior, debemos sumarlle unha cuestión fundamental, xa debatida tamén tanto polo Pleno da Corporación como a través da Xunta de Área de Asuntos Sociais e relativa a falla alarmante de persoal nun departamento protagonista nos tempos nos que nos atopamos debido á crise económica e social e ao redor do cal, debera xirar toda a acción municipal.

Unha crise que entre outras moitas consecuencias, está a retrasar tratamentos médicos para moitos doentes e creando problemas psicolóxicos en boa parte da sociedade incluíndo os máis cativos, os cales, comezan a padecer as consecuencias de case un ano de pandemia na que mudaron por completo os seus hábitos de vida e de interacción social.

Unha Concellería ao bordo do colapso absoluto, con graves consecuencias sociais e cun serio risco de implosión. Por desgraza, e polo menos ate o de agora, o actual Goberno Local parece ser totalmente alleo a esta situación, pois non está actuando nin con solvencia nin con responsabilidade ante o que está sucedendo en Servizos Sociais, obviando incluso, as obrigas que a lexislación vixente lle atribúe a esta institución.

Non debemos pechar os ollos ante esta realidade, polo que entendemos, o Concello de Ourense debe abordar con determinación esta problemática e poñer todos os recursos necesarios, económicos e humanos, para tentar minimizar os efectos devastadores que a pandemia está a ter para a sociedade en xeral. É preciso situar os servizos sociais e a atención ás persoas no centro da acción política.

Faise necesario tamén liderar diante doutras administracións a captación de fondos e programas no eido social, así como unha colaboración moito máis estreita cos colectivos e coas asociacións que traballan diariamente e arreo en combatir esta realidade.

É neste punto onde entran en xogo as entidades englobadas no que se ven en denominar “o terceiro sector”. Falamos de organizacións que traballan arreo en educación, sanidade, servizos humanitarios, medioambiente, protección animal, cooperación internacional e mesmo no ámbito cultural.

Organizacións que fan un traballo impagable, que traballan a pé de rúa e que coñecen como ninguén a realidade social do Concello de Ourense, motivo polo cal, entendemos, a administración local debera colaborar estreitamente con elas xa que o obxectivo debe ser compartido, que ninguén quede atrás.

Somos coñecedores de que actualmente existen entre o concello de Ourense e algunha entidade de carácter social, covenios de colaboración, sirvan como exemplo os existentes con Cáritas e relativo ao comedor social, con Proxecto Home, con ATOX, ADE, AFAOR ou co Comité antisida. Valorando moi positivamente o papel destas entidades, entendemos que este tipo de acordos precisa a súa extensión ao resto de entidades pertencentes ao terceiro sector.

En Ourense hai moita xente traballando moito e moi ben a prol dos máis vulnerábeis e dos que rara vez son nova nos medios de comunciación pero que están aí e son veciñas e veciños nosos.

A solución non pasa só por transferir únicamente recursos públicos a estas entidades, que tamén, senon tamén pola existencia dunha canle de comunicación directa e de colaboración entre ambas partes para por en marcha programas e iniciativas. Ten que existir colaboración e coordinación na política social a levar a cabo dentro do ámbito de competencias do Concello de Ourense e onde o propio concello lle tenda a man ás entidades do terceiro sector para atender e cumprir con todos aqueles aos que con recursos propios non se chega.

Motivo polo cal presentamos esta moción, co obxectivo de que en Ourense, no referido á atención social, poidamos traballar conxuntamente en minimizar as consecuencias devastadoras que para a sociedade en xeral ten unha crise social e económica desta magnitude. Para sair desta, debemos camiñar xuntos.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do pleno da corporación a adoción do seguinte

 

ACORDO

 

1. Instar ao Goberno Local á sinatura de convenios de colaboración con entidades sociais sen ánimo de lucro pertencentes ao denominado “terceiro sector” para o reforzo dos servizos sociais municipais.

 

 

 

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular

EMENDA DE SUSBTITUCIÓN:

TEXTO INICIAL:

 

1.- Instar ao Goberno Local á sinatura de convenios de colaboración con entidades sociais sen ánimo de lucro pertencentes ao denominado “terceiro sector” para o reforzo dos servizos sociais municipais.

 

SUBSTITUCIÓN:

 

1.- Instar o Goberno Local á sinatura dos convenios de colaboración asignados no vixente orzamento municipal con entidades sociais sen ánimo de lucro.

2.- Así mesmo, instar o Goberno Local a realizar os trámites precisos para renovar os convenios de colaboración con Cruz Vermella e Cáritas asinados no ano 2020, así como con outras entidades do denominado "terceiro sector" en materia de acción social e servizos sociais.

 

NOVA REDACCION FINAL:

 

1.- Instar o Goberno Local á sinatura dos convenios de colaboración asignados no vixente orzamento municipal con entidades sociais sen ánimo de lucro.

2.- Así mesmo, instar o Goberno Local a realizar os trámites precisos para renovar os convenios de colaboración con Cruz Vermella e Cáritas asinados no ano 2020, así como con outras entidades do denominado "terceiro sector" en materia de acción social e servizos sociais.

O Pleno do Concello, por nove votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular e de don Telmo Manuel Ucha Álvarez e don Armando Ojea Bouzo do Grupo Municipal de Democracia Ourensana; quince votos en contra do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, de dona María Teresa Rodríguez Garrido, don José Miguel Caride Domínguez e dona María del Mar Fernández Dibuja do Grupo de Democracia Ourensana e don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e dúas abstencións do Grupo Municipal de Ciudadanos, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar a emenda do Grupo Municipal do Partido Popular.

O Pleno do Concello, por vinte e catro votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de dona María Teresa Rodríguez Garrido, don José Miguel Caride Domínguez e dona María del Mar Fernández Dibuja do Grupo de Democracia Ourensana e don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e dúas abstencións de don Telmo Manuel Ucha Álvarez e don Armando Ojea Bouzo, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

En consecuencia, queda aprobada a moción coa redacción dada pola emenda.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a don Telmo Manuel Ucha Álvarez. Recibido aviso de recepción o .

 

Documentos: