Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

Exposición de motivos:

 

O artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións, establece os requisitos para ter acceso á condición de beneficiario de subvencións públicas. O seu apartado dous regula as causas excluíntes de tal condición sendo, unha delas, “non atoparse ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social”. Pola súa banda, o Regulamento que desenvolve esta Lei, aprobado por Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, define o contido desta disposición e aclara que os beneficiarios están ao corrente das súas obrigacións tributarias “cando non teñan débedas ou sancións de natureza tributaria coa respectiva Administración autonómica ou local”, no caso das subvencións concedidas por estas administracións, e cando “non teñan débedas por cotas ou conceptos de recadación conxunta”, no caso das obrigacións de cotización coa Seguridade Social.

Imponse, por tanto, como requisito indispensable para poder participar nos procedementos de concesión de subvencións na administración pública local, non ter débedas tributarias co concello correspondente, nin cotas impagadas de cotización coa Seguridade Social. Este requisito, ademais, debe manterse durante todo o proceso relativo á subvención, desde o momento da súa concesión ata o momento do seu pago.

Nun contexto como o actual, no que se esgotou a capacidade de resistencia de centos de miles de negocios e onde só o pasado mes se deron de baixa case 15.000 autónomos en España, é fácil imaxinar que as empresas e profesionais que aínda subsisten o fagan enormemente endebedados, entre outros, coa Seguridade Social e co Fisco, en todos os niveis da administración. Sendo isto así, manter o requisito de estar ao corrente no cumprimento de obrigacións sociais e fiscais para poder ser beneficiario, por exemplo, de subvencións locais asociadas ao COVID-19, parece unha esixencia desmedida, inoportuna e de moi difícil xustificación na presente conxuntura.

Ao fío disto, non é mal momento para lembrar que a actual Lei Concursal, aprobada recentemente en plena pandemia como texto refundido, non permite a cancelación das débedas cos organismos públicos, en caso de insolvencia, cuestión que xa foi posta en dúbida ata polo Tribunal de Xustiza Europeo. Tamén o foi polo noso Tribunal Supremo; entre outras, na súa sentenza 2253/2019, que reforza a segunda oportunidade ampliando a capacidade dos xulgados do mercantil para actuar contra estes créditos públicos, ou na súa sentenza 381/2019, na que conclúe que o crédito público privilexiado debe incluírse no plan de pagos proposto polo debedor, e que o crédito público ordinario e subordinado debe quedar exonerado do pasivo insatisfeito. Esta circunstancia, por certo, xa foi posta de manifesto por o grupo parlamentario de Ciudadanos a través dunha Proposición de Lei de Segunda Oportunidade, desde a que expoñiamos, conscientes de que estes créditos son o principal lastre dos autónomos, ampliar a exoneración do pasivo continxente.

É pola gravidade da situación actual, entendemos, polo que o Ministerio de Facenda concedeu ao Concello de Mieres, permiso para exonerar os potenciais beneficiarios de subvencións do requisito de acharse ao corrente no cumprimento das súas obrigacións. Esta autorización, con todo, cremos que debe facerse expresa e extensiva a todas as entidades locais en todos os procesos de concesión de subvencións que poidan aprobar a futuro para paliar a situación de crise económica asociada á pandemia.

Proposta para a súa aprobación:

 

1. Que o Concello de Ourense inste ao Goberno do Estado a autorizar, ás entidades locais, a liberar aos potenciais beneficiarios de subvencións do requisito contido no artigo 13 da Lei 38/2003, Xeneral de Subvencións, de acharse ao corrente no cumprimento das súas obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social, na forma determinada polo seu regulamento de desenvolvemento, en toda concesión e pago de subvencións destinadas a previr ou paliar as consecuencias sanitarias ou económicas da pandemia e mentres dure esta.

 

O Pleno do Concello, por trece votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos e de dona María Teresa Rodríguez Garrido, don José Miguel Caride Domínguez e dona María del Mar Fernández Dibuja do Grupo de Democracia Ourensana e don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; e catorce abstencións do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de don Gonzalo Pérez Jácome, don Armando Ojea Bouzo e de don Telmo Manuel Ucha Álvarez do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a don Armando Ojea Bouzo Recibido aviso de recepción o 12/04/2021.

 

Documentos: