Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

Exposición de motivos:

 

O pasado 27 de decembro de 2019 asinábase o último trámite para adxudicar as obras de reforma da praza de Abastos de Ourense, tras cinco anos de atrasos e diferentes complicacións. Unha cuestión que estivo marcada polo continuo debate mediático e diversas disputas entre PP e PSOE, que levan anos tentando atribuírse o mérito de conseguir a subvención para a rehabilitación, e nos últimos meses culpándose uns a outros pola posible perda de subvención.

Ademais, contamos cun alcalde que nos entretén cargando contra os placeiros mentres é incapaz de poñerlle solución aos problemas que van xurdindo polo desenvolvemento desta obra que é o proxecto civil máis importante da cidade agora mesmo.

Este cruzamento de acusacións entre uns partidos políticos e outros non fai máis que minar un proxecto que hai que visualizar e pensar en clave de futuro e de cidade e que require necesariamente dun consenso político, polo que debemos actuar en conxunto para dar solución aos temas administrativos e así seguir avanzando. Pensemos en futuro, non deixemos que pase o mesmo que coa Praza da Ponte que leva anos reformada pero sen ocupar.

Neste sentido, o proxecto só contempla a reforma do edificio central e unha vez que termine esa rehabilitación sabemos que moitos espazos da contorna quedarán sen arranxar. Desde Ciudadanos cremos que non debemos perder máis tempo e que o Concello de Ourense debe explorar e estudar todas as alternativas para seguir coa urbanización dos distintos espazos da contorna e que neste momento non se contempla. Non queremos un contedor baleiro sen programa funcional.

Falamos de cuestións como a accesibilidade, pensamos tamén na zona do Rianxo, totalmente deteriorado e sen rehabilitar. Preguntámonos que vai pasar co interior do edificio; como se vai a planificar o traslado dos placeiros e a distribución dos seus postos e quen vai pagar o custo desas instalacións.

Tamén, falta definir se finalmente o soto do edificio destínase ao termalismo ou, como se recolle no proxecto inicial, será un espazo para unha gran superficie comercial e valorar si se constrúe un aparcamento ou se realiza un acceso desde o aparcadoiro xa existente.

Por todo iso, debemos pensar en clave de futuro e definir que modelo queremos seguir para o mercado, preguntándonos que vai pasar coa combinación de hostalería e a actividade económica dos placeiros.

Quedan moitas preguntas para as que o Concello de Ourense debe dar resposta. O que si sabemos é que non podemos esperar a finalizar unha obra para pensar en executar outra porque nos atrasaría anos. É o momento de definir ata onde quere chegar o Concello de Ourense para dar solución o proxecto da Praza de Abastos e a súa contorna.

Proposta para a súa aprobación:

  1. Que todos os grupos con representación no Concello de Ourense traballemos na procura dun consenso para dar solucións precisas e que este proxecto sexa unha realidade converténdose nun revulsivo para o futuro económico desta cidade.

 

 

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego

EMENDA DE ENGÁDEGA:

 

TEXTO INICIAL DA PROPOSTA DE ACORDO

 

1.- Que todos os grupos con representación no Concello de Ourense traballemos na procura dun consenso para dar solucións precisas e que este proxecto sexa unha realidade converténdose nun revulsivo para o futuro económico desta cidade.

 

PROPOSTA DE ENGÁDEGA

 

“... Estas solucións deben pasan por tres aspectos fundamentais, integración do aparcadoiro, acesibilidade e reforma da contorna e o rianxo”.

 

REDACCIÓN FINAL DA PROPOSTA DE ACORDO

 

1.- Que todos os grupos con representación no Concello de Ourense traballemos na procura dun consenso para dar solucións precisas e que este proxecto sexa unha realidade converténdose nun revulsivo para o futuro económico desta cidade. Estas solucións deben pasan por tres aspectos fundamentais, integración do aparcadoiro, accesibilidade e reforma da contorna e o rianxo.

 

O Pleno do Concello, por once votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE e do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego; quince votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, do Grupo Municipal de Ciudadanos e don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar a emenda do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego.

O Pleno do Concello, por 23 votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, de dona María Teresa Rodríguez Garrido e dona María del Mar Fernández Dibuja do Grupo de Democracia Ourensana, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de don Manuel Álvarez Fernández, concelleiro non adscrito; tres votos en contra de don Gonzalo Pérez Jácome, don Armando Ojea Bouzo e don Telmo Manuel Ucha Álvarez do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

  8/04/2021: Remitido acordo plenario a Gabinete de Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 9/04/2021.

 

Documentos: