Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Os voceiros dos grupos políticos representados no Concello de Ourense reuníronse esta mañá no salón de plenos para abordar a adaptación dos servizos municipais ás normas adoptadas pola Xunta de Galicia no DOG do 26 de xaneiro para reducir ao mínimo o risco de contaxios á vista da evolución epidemiolóxica e da situación asistencial.

O goberno municipal trasladoulles un documento coas propostas, que será estudado polas formacións políticas, que quedaron emprazadas para unha vindeira reunión.

  • Cemiterios: Adiántase o peche ás 18.00 horas en coherencia coas limitacións horarias. Nos enterramentos limítase a comitiva a 15 persoas non conviventes, o oficiante e os conviventes, sempre que se garden as medidas de seguridade e non se formen grupos nas zonas de paso. En canto ás visitas aos cemiterios, estas realizaranse de forma individual, ou só de conviventes.
  • Oficinas de atención ao público: cunha cabida que permita manter a distancia e organizar e sinalizar a circulación de persoas, caso da Oficina de Turismo.
  • Vodas civís: a capacidade do salón de plenos débese fixar de modo que se garanta a distancia de seguridade entre persoas. Actualmente limítase a 8 persoas, incluíndo contraentes, testemuñas e asistentes.
  • Mercados e feiras ao aire libre: limitación ao 50 % de postos, con prioridade á venda de produtos alimenticios ou de primeira necesidade.
  • Parques e zonas deportivas abertas ao público: establécese un aforo máximo de 1 persoa por cada 4 m2. Serán limpados e desinfectados a diario, en especial as zonas de xogo infantil, aparellos mecánicos e mobiliario urbano de uso compartido (bancos, varandas, etc).
  • Plenos e outras reunións: permítense reunións ao 30 % do aforo e ata 30 persoas en lugares pechados. Recoméndanse as reunións telemáticas sempre que sexa posible.
  • Centros sanitarios e sociais: a Unidade de Condutas Aditivas mantense aberta, coas medidas que indica a Orde da Consellería, ao igual que o centro de día e o albergue de transeúntes. Os centros cívicos pechan.
  • Autobuses: mantéñense, coas limitacións de cabida que indica a orde. Recoméndase que os viaxeiros anoten o seu asento co billete e o garden 14 días para localizar posibles contaxios.
  • Espectáculos culturais e sociais, arquivo, museos e bibliotecas: péchanse ao público. O persoal traballará a porta pechada, polo que se poderán realizar consultas telefónicas.
  • Actividades deportivas: suspéndense, salvo adestramentos de equipos federados, que se fará conforme ás limitacións que marca a orde e o protocolo de cada federación. A intención é que os deportistas federados de alto nivel non interrompan a súa preparación. O pavillón municipal dos Remedios permanecerá pechado para os usuarios individuais.
  • Escola de música, de teatro, de idiomas e Universidade Popular: aprázanse todas as actividades presenciais e recuperaranse noutras datas. Mantéñense as actividades en liña.