Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense instalará unha infraestrutura de comunicacións vía radio para a súa posterior explotación por un terceiro coa intención de lle ofrecer servizo de internet de alta velocidade á veciñanza da contorna urbana, máis de 8.000 habitantes pertencentes a 17 parroquias do perímetro rural.

O obxectivo fundamental deste proxecto é que estas zonas poidan ter un acceso a internet de alta velocidade, desde 31 Mb/s, cunhas prestacións técnicas e cunhas tarifas económicas similares á cidade, xa que actualmente existen zonas nestas parroquias que dispoñen dunha oferta limitada ou inexistente para a contratación deste servizo.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, asegura que con este proxecto, “imos meter todo o municipio de Ourense no século XXI” e “eliminar á fenda dixital que hoxe existe no municipio de Ourense entre a cidade e a zona rural”, en relación a aquelas zonas no perímetro urbano que actualmente carecen de Internet de alta velocidade. Con esta iniciativa, explica o rexedor, as persoas que residen nestas contornas, unhas 8.000, poderán dispoñer de “unha administración pública electrónica, acceso a educación online, servizos de sanidade, entretemento, comercio electrónico, teletraballo e moitísimas outras aplicacións desta tecnoloxía”.

Sobre a rede que se instalará poderanse ofrecer -e por tanto contratar por parte da cidadanía- servizos IP, tales como telefonía básica, servizos avanzados de telefonía e televisión IP. Unha vez redactado o proxecto executarase o desenvolvemento da infraestrutura, o que suporá un custe inferior aos 100.000 euros. Paralelamente, licitarase o mantemento e explotación do servizo, cuxo custe para anual para o Concello será de 0 €.

Romper a fenda dixital que afecta o rural

O goberno municipal pretende romper a fenda dixital que afecta as poboacións do rural, sobre todo nestes momentos actuais de pandemia, facilitándolles aos seus veciños o achegamento a servizos como:

  • Administración pública electrónica: Prestación de servizos interactivos, facilitando o acceso a cidadáns e empresas, e reducindo custos loxísticos.
  • Educación: Reforzando o proceso de aprendizaxe en liña con ferramentas de software para vídeoconferencia e facilitando a colaboración entre institucións educativas, estatais, autonómicas e locais.
  • Saúde: As actuais aplicacións de telemedicina permiten achegar ás persoas co servizo médico, xestionando citas, comunicación entre paciente e centro médico e mesmo consulta a distancia. Outras aplicacións permiten unha interacción entre paciente e centro asistencial para o control e urxencias médicas.
  • Entretemento: Posibilidade de contratación de plataformas de televisión sobre IP, xogos en liña, redes sociais...
  • Comercio Electrónico: Facilitar o labor de comercio a través da rede, tanto na parte de compra como de venda. Cada vez máis o mercado esixe presenza na rede e dispoñibilidade dun acceso a internet.
  • Teletraballo: Unha das consecuencias do estado actual de pandemia é a posibilidade de traballar desde a túa casa só cun acceso a internet.

Intervención en 17 localidades

O proxecto beneficiará a dezasete parroquias do perímetro rural. Concretamente, as de Arrabaldo (Santa Cruz), Beiro (Santa Eulalia), Canedo (San Miguel), Ceboliño (Bo Xesús), Cudeiro (San Pedro), O Monte (Santa Mariña), Montealegre (A Milagrosa), Castro de Beiro (Santo André), Palmés (San Mamede), Rairo (Santa Lucía), Reza (Santa María), Seixalbo (San Breixo), Trasalba (San Pedro), Untes (Santo Estevo), Velle (Santa Marta), Vilar de Astrés (Purísima Concepción) e Vista Fermosa (San Xosé).