Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
Os voceiros dos partidos políticos representados no Concello de Ourense celebraron, no salón de plenos, unha xuntanza para fixar o calendario das vindeiras sesións plenarias e para debater o réxime de participación dos concelleiros non adscritos a partir de agora. Así, haberá un pleno extraordinario para debater a rebaixa do 40% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o xoves, 29 de xullo, no Auditorio Municipal. O pleno ordinario correspondente ao mes de agosto será, no mesmo escenario, o martes 3.

Na mesma reunión decidiuse, apoiado nun informe técnico do asesor xurídico, iniciar o expediente para que os grupos políticos non sufran perdas na súa asignación económica malia sufrir a baixa de concelleiros que pasan a formar parte do grupo dos non adscritos. Esta medida, que se achega ao recomendado no seu día pola Federación española de Municipios e Provincias (FEMP), deberá ser aprobada polo pleno.

Réxime de participación. Outro dos acordos aos que chegaron esta mañá os voceiros dos grupos políticos municipais foi o de establecer o réxime de participación dos cinco concelleiros non adscritos a ningún partido político, que deberán deixar de actuar coma un grupo.

Nos plenos terán un minuto para intervir en calquera moción, só un concelleiro e unha soa vez a elixir entre a primeira ou a segunda quenda de intervención, e de forma indelegable. Ademais, entre todos os non adscritos poderán presentar unha soa moción por pleno. É dicir, cada concelleiro non adscrito poderá presentar unha moción cada cinco plenos.

Esta representatividade rotatoria será a mesma nas distintas comisións municipais: a de Pleno, a de Contas e de Suxestións.

Documentación sobre o IVTM. Noutra orde de cousas, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que mañá, martes, se lles enviará aos distintos grupos municipais os datos informativos sobre o IVTM. Na súa opinión, “poderase ver que certas argumentacións de PSOE e BNG no pleno pasado non teñen moito fundamento: é a clase media a que asume o pago deste tributo na súa maior parte”.